Os problemas demográficos de Rusia son consecuencia de varios factores como a caída da natalidade, o progresivo envellecemento da poboación e a saída do país de máis dun millón de persoas debido á invasión de Ucraína.
Os servizos de intelixencia británicos alertan de que Rusia afronta un problema demográfico de fondo, coa natalidade á baixa e unha poboación cada vez máis envellecida, que lastra sociedade e economía. Aseguran que, por máis que o Kremlin pretenda impulsar os nacementos, resulta pouco probable frearen axiña a perda de habitantes. Lembran que Putin fixo da política demográfica un obxectivo estratéxico, logo de admitir que as medidas tomadas non abondan. O diagnóstico agrávase coa saída duns 1,3 millóns de persoas desde 2022 e co impacto humano da guerra, que Reino Unido estima moi elevado.