Presentación

 

Dámosche a benvida á web do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, o espazo de referencia da demografía de Galicia.

Aquí atoparás información actualizada da situación demográfica, das dinámicas poboacionais, das políticas impulsadas en materia de demografía ou dos retos que presentan fenómenos vinculados a esta temática: migracións, natalidade, envellecemento da poboación, mobilidade xeográfica…

Creado ao abeiro do Decreto 104/2016, do 28 de xullo, o Observatorio é un “órgano colexiado de consulta, colaboración e participación para o estudo e a análise permanente da realidade demográfica de Galicia e para o asesoramento aos poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas políticas de dinamización demográfica”.

Este espazo pretende ir máis alá da realidade demográfica galega. Busca incorporar unha perspectiva máis ampla, global, e abordar a situación demográfica en España e no resto da UE e do mundo. Nun mundo como o actual, cada vez máis globalizado, os retos comúns conéctannos con outras áreas do planeta.

 

O novo portal do Observatorio busca, pois, converterse nun punto de referencia na análise das políticas e os retos demográficos que a sociedade actual presenta e que son comúns a outras realidades.

 

Composición

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica terá a seguinte composición, que procurará unha participación equilibrada de mulleres e homes:
 

A Presidencia

A Presidencia do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de benestar social. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Presidencia será substituída pola titular da Vicepresidencia, salvo que, por vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal de ambas as dúas, a persoa titular da presidencia designe outra persoa entre as titulares das vogalías do observatorio.

 

 

B Vicepresidencia

A Vicepresidencia do Observatorio será exercida pola persoa que propoña o pleno de entre as que, formando parte del, non representen ningunha consellaría ou organismo autonómico, a Administración central ou os grupos parlamentarios.

 

 

C Secretaría

A Secretaría do Observatorio será desempeñada de forma rotatoria e cunha periodicidade semestral por unha persoa funcionaria pertencente ao Consello Económico e Social de Galicia e por outra persoa funcionaria pertencente á Consellaría de Política Social.

 

 

D Vogais

  1. Un/unha vogal, con rango mínimo de xefatura de servizo, designado/a en representación dos órganos dependentes da Presidencia e un/unha representante por cada unha das consellarías da Xunta de Galicia.
  2. Unha persoa en representación do Consello Galego de Relacións Laborais.
  3. Unha persoa en representación do Instituto Galego de Estatística (IGE).
  4. Unha persoa en representación da Delegación do Goberno en Galicia.
  5. Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
  6. Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas.
  7. Un número de persoas equivalente ao de representantes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
  8. Unha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, así como das presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que non teñan a condición de máis representativas.
  9. Unha persoa en representación de cada un dos grupos constituídos no Parlamento de Galicia ao comezo de cada lexislatura.
  10. Unha persoa en representación do Consello Económico e Social de Galicia.
  11. Dúas persoas expertas de recoñecido prestixio no campo da demografía.
  12. Unha persoa en representación do órgano superior da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade.