En Galicia vive o 10,7 % da poboación centenaria de toda España
A esperanza de vida en Galicia situouse en 2024, en 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, idades que superan en ambos os casos a media estatal.
A Xunta creará o Rexistro Galego de Persoas Centenarias para estudar os factores que explican a elevada lonxevidade en Galicia e mellorar a atención sanitaria deste colectivo. O novo instrumento recollerá datos sociodemográficos, clínicos e epidemiolóxicos con garantías de confidencialidade, e permitirá elaborar informes, estatísticas e estudos integrados no Observatorio Galego de Saúde Pública. Galicia conta con máis de 1.500 persoas centenarias e cunha esperanza de vida superior á media estatal, o que converte este rexistro nunha ferramenta pioneira para investigar a lonxevidade extrema.