O encontro “Perspectives from Latin America and the Caribbean on Ageing, Gender Equality and the Life Course”, celebrado o 18 de febreiro reuniu máis de 85 representantes de gobernos, e institucións académicas e da sociedade civil.
O encontro, promovido pola Oficina Rexional de ONU Mulleres para as Américas e o Caribe e a CEPAL, puxo o foco no envellecemento desde unha perspectiva de xénero e de ciclo vital, co obxectivo de reforzar os dereitos das mulleres maiores e situar os coidados como eixo das políticas públicas. As participantes advertiron de que a lonxevidade feminina convive con desigualdades acumuladas en emprego, ingresos e protección social, nun contexto no que unha parte significativa das mulleres maiores carece de recursos propios e continúa asumindo tarefas non remuneradas. Representantes gobernamentais de varios países latinoamericanos subliñaron que garantir unha vellez digna constitúe unha obriga do Estado e require sistemas integrais de coidados, acceso efectivo á xustiza e corresponsabilidade social. O encontro, no que tamén interviñeron organizacións feministas e académicas, concluíu coa chamada a tecer alianzas entre institucións e movementos sociais para avanzar cara a unha sociedade dos coidados baseada na igualdade substantiva.