A Universidade de Vigo, a Universidade de Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança son os impulsores deste proxecto coordinado polo Centro Internacional sobre o Envellecemento (Cenie).
Iberlongeva, un proxecto transfronteirizo entre España e Portugal que busca promover unha lonxevidade saudable e a prevención da fraxilidade, está financiado polo programa Interreg VIN-A España–Portugal e contará cun traballo de campo que alcanzará máis de 1000 persoas nas tres rexións participantes. Iberlongeva combinará módulos sociais e de saúde para realizar avaliacións individuais sobre benestar e saúde, co obxectivo de crear un Observatorio para unha Lonxevidade Activa e con Sentido. O proxecto tamén inclúe ferramentas avanzadas de análise de datos e está aberto á participación de persoas maiores de 60 anos na provincia de Ourense.