Nos últimos 25 anos, o municipio perdeu case o 40 % da súa poboación.
O Concello de Carballedo concederá unha axuda de 1000 euros por cada fillo ou filla nacido ou adoptado co fin de estimular a natalidade e contribuír á fixación de poboación nun municipio que perdeu arredor do 40 % da súa veciñanza nas últimas décadas. A medida, aprobada recentemente, aplicarase tamén con carácter retroactivo ás crianzas nacidas en 2025, ano no que se rexistraron nove nacementos. Para acceder á prestación, polo menos unha das persoas proxenitoras deberá estar empadroada no concello desde un ano antes do parto ou adopción e comprometerse a manter a residencia durante un mínimo de catro anos. O goberno local avaliará os resultados desta iniciativa antes de decidir se lle dá continuidade.