Abordar os retos da demografía en Galicia é o obxectivo fixado para o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica no seu decreto de creación (Decreto 104/2016, do 28 de xullo).
A aprobación posterior da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, reforza a súa función asignándolle novos cometidos.
Os anteriores mandatos normativos obrigan en primeiro lugar a presentar unha panorámica moi ampla da situación demográfica dende a perspectiva da análise demográfica e das interpretacións que no eido científico se están a facer sobre as dinámicas poboacionais, relacionándoa coa súa evolución anterior e previsible, pero tamén coas políticas que a nivel autonómico, español ou da UE se van desenvolvendo. Nesta panorámica intégrase plenamente a Galicia exterior, representada pola elevada poboación na diáspora que vive hoxe, en boa medida, un grao de mobilidade importante.
O decreto de creación do Observatorio, como así mesmo se insire na Lei de impulso demográfico, determinan que “O Observatorio desenvolverá as súas funcións incorporando de xeito transversal a perspectiva de xénero”.
O Observatorio configurase no Decreto de creación como un “órgano colexiado de consulta, colaboración e participación para o estudo e a análise permanente da realidade demográfica de Galicia e para o asesoramento aos poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas políticas de dinamización demográfica. Adscribirase ao departamento competente en materia de benestar social”.
En canto ás súas funcións e organización interna o Decreto e a lei de impulso demográfico establecen:
Funcións:
O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica terá, entre outras, as seguintes funcións:
- Actuar como órgano permanente de recollida, análise e intercambio de información en materia de demografía no ámbito da nosa Comunidade Autónoma.
- Recompilar e difundir información así como promover a produción de material documental.
- Divulgar informes, estudos, traballos e informacións de interese temático.
- Formular propostas e recomendacións para seren consideradas na configuración das liñas estratéxicas e prioridades de actuación transversais da Xunta de Galicia.
- Analizar permanentemente a evolución das actuacións en materia de dinamización demográfica.
- Identificar as iniciativas, experiencias, proxectos piloto, recursos e programas de referencia en materia de dinamización demográfica, facilitando a súa divulgación e promoción.
- Elaborar un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia.
- Promover foros de discusión e debate sobre a problemática demográfica.
O Observatorio terá unha reunión plenaria polo menos unha vez cada seis meses e poderase reunir con carácter extraordinario cando sexa convocado pola presidencia por causa dalgún motivo de especial transcendencia ou a petición dun terzo dos seus membros.
Realizará con carácter anual un informe sobre a situación demográfica en Galicia, facilitándolle á opinión pública e aos entes, organizacións e asociacións representativos de intereses colectivos relacionados coa dinamización demográfica a participación no seu desenvolvemento, así como un coñecemento permanente da evolución das dinámicas demográficas, das accións desenvolvidas e dos avances acadados.
Ademais coa aprobación da Lei de impulso demográfico refórzanse as súas funcións xa que difundirá os estudos, informes e traballos realizados por persoas expertas ou por entidades de especial relevancia no ámbito da demografía, a través, entre outros, dun espazo web creado para tal fin.
O Observatorio constitúe, pois, unha iniciativa institucional de grande transcendencia no deseño e na organización das estratexias públicas para facer fronte aos retos demográficos.