Presentación

Abordar os retos da demografía en Galicia é o obxectivo fixado para o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica no seu decreto de creación (Decreto 104/2016,  do 28 de xullo). 
A aprobación posterior da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, reforza a súa función asignándolle novos cometidos. 
Os anteriores mandatos normativos obrigan en primeiro lugar a presentar unha panorámica moi ampla da situación demográfica dende a perspectiva da análise demográfica  e das interpretacións que no eido científico se están a facer sobre as dinámicas poboacionais, relacionándoa coa súa evolución anterior  e previsible, pero tamén coas políticas que a nivel autonómico, español ou da UE se van desenvolvendo.  Nesta panorámica intégrase plenamente a Galicia exterior, representada pola elevada poboación na diáspora que vive hoxe, en boa medida, un grao de mobilidade importante. 
O decreto de creación do Observatorio, como así mesmo se insire na Lei de impulso  demográfico, determinan que “O Observatorio desenvolverá as súas funcións incorporando de xeito transversal a perspectiva de xénero”. 
O Observatorio configurase no Decreto de creación como un “órgano colexiado de consulta, colaboración e participación para o estudo e a análise permanente da realidade demográfica de Galicia e para o asesoramento aos poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas políticas de dinamización demográfica. Adscribirase ao departamento competente en materia de benestar social”. 
En canto ás súas  funcións e organización interna o Decreto  e a lei de impulso demográfico establecen:
Funcións
O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica terá, entre outras, as seguintes funcións: 

  1. Actuar como órgano permanente de recollida, análise e intercambio de información en materia de demografía no ámbito da nosa Comunidade Autónoma. 
  2. Recompilar e difundir información así como promover a produción de material documental. 
  3. Divulgar informes, estudos, traballos e informacións de interese temático. 
  4. Formular propostas e recomendacións para seren consideradas na configuración das liñas estratéxicas e prioridades de actuación transversais da Xunta de Galicia. 
  5. Analizar permanentemente a evolución das actuacións en materia de dinamización demográfica. 
  6. Identificar as iniciativas, experiencias, proxectos piloto, recursos e programas de referencia en materia de dinamización demográfica, facilitando a súa divulgación e promoción. 
  7. Elaborar un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia. 
  8. Promover foros de discusión e debate sobre a problemática demográfica. 

O Observatorio terá unha reunión plenaria polo menos unha vez cada seis meses e poderase reunir con carácter extraordinario cando sexa convocado pola presidencia por causa dalgún motivo de especial transcendencia ou a petición dun terzo dos seus membros. 
Realizará con carácter anual un informe sobre a situación demográfica en Galicia, facilitándolle á opinión pública e aos entes, organizacións e asociacións representativos de intereses colectivos relacionados coa dinamización demográfica a participación no seu desenvolvemento, así como un coñecemento permanente da evolución das dinámicas demográficas, das accións desenvolvidas e dos avances acadados. 

Ademais coa aprobación da Lei de impulso demográfico refórzanse as súas funcións xa que difundirá os estudos, informes e traballos realizados por persoas expertas ou por entidades de especial relevancia no ámbito da demografía, a través, entre outros, dun espazo web creado para tal fin. 
O Observatorio constitúe, pois, unha iniciativa institucional de grande transcendencia no deseño e na organización das estratexias públicas para facer fronte aos retos demográficos.