Lonxevidade e envellecemento demográfico en Galicia

A lonxevidade é a dinámica demográfica que menos atención recibe, malia o profundo cambio que a súa transformación provocou, e está a provocar, en todas as poboacións do mundo. Con frecuencia asimílase a evolución demográfica coa natalidade ou, no mellor dos casos, cunha dicotomía entre natalidade e migración. No obstante, o período de crecemento notable e constante da poboación galega, que tivo lugar durante o século vinte produciuse en paralelo a unha forte caída da natalidade e cunha intensa emigración ata finais de século. A poboación galega, coma case todas, creceu por aumento da supervivencia. 

A mortalidade, a pesar de ser unha dinámica moi invisible e cunha grande inercia, que habitualmente non sofre cambios rápidos, como as migracións, protagonizou unha transformación profunda e constante durante máis dun século. O cambio na supervivencia está a transformar as poboacións do mundo, producindo cambios profundos nas estruturas (o que coñecemos como avellentamento demográfico) e afectando a outras dinámicas (con cambios na natalidade e as migracións, no que coñecemos como transición demográfica ou, máis popularmente, como cambio demográfico). A esperanza de vida da poboación galega está entre as máis altas do mundo. Pero paga a pena ir mais alá do récord e afondar nas diferenzas da supervivencia por idade e xénero, na procura dunha aínda maior equidade ante a morte. 

Capítulo 1. Lonxevidade en saúde: a calidade dos anos gañados