Inaugurado no 2021, o Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial de Quintela de Leirado defínese como un espazo para recuperar a historia e a memoria colectiva de centos de veciñas e veciños que se viron obrigados a deixar súa terra en busca dunha nova vida.
O Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial de Quintela de Leirado recupera a memoria dunha emigración que marcou fondamente o municipio, onde máis do 80 % da veciñanza tivo vínculos con aquel territorio africano. O espazo, inaugurado en 2021 e único nas súas características en Europa, reúne fotografías, obxectos, documentos e testemuños orais para reconstruír a vida das persoas que emigraron ás plantacións de cacao e café durante o século XX. A iniciativa, impulsada coa colaboración cidadá e das institucións, busca preservar unha parte singular da historia colectiva galega e manter vivo o recordo dunha experiencia migratoria pouco coñecida.