A lonxevidade e o envellecemento demográfico en Galicia centran o informe anual do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica de Galicia
Sesión OGDD
Sesión OGDD
Sesión OGDD
Sesión OGDD

Este informe presentouse na sesión anual do Observatorio que se celebrou esta mañá no salón de plenos do Consello Económico e Social.

Nesta sesión, presentouse tamén a nova versión da páxina web do Observatorio (https://observatoriodemografico.xunta.gal/gl).

O salón de plenos do Consello Económico e Social acolleu esta mañá unha sesión do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica na que, como en anos anteriores, se presentou o novo informe deste órgano e que leva por título Lonxevidade e envellecemento demográfico en Galicia.

Este monográfico aborda a realidade demográfica galega a través de cinco capítulos que combinan a análise estatística coa reflexión social co obxectivo de superar a visión tradicional para centrarse na calidade dos anos gañados e na xestión da dependencia. 

Alén do diagnóstico, o documento propón un cambio de paradigma que considera o envellecemento como unha oportunidade e pon o foco na "economía da lonxevidade" como motor de innovación e na necesidade urxente de combater o "idadismo" e os prexuízos sobre a improdutividade dos maiores. 

Ademais da presentación deste novo informe, que estará dispoñible nos vindeiros días na web do Observatorio, María Xosé Rodríguez Galdo, vicepresidenta do Observatorio, falou dos traballos realizados ao longo do ano por este órgano e adiantou o tema do informe que elaborarán para 2026: poboación e territorio en Galicia.

A nova web, referencia informativa da demografía

A sesión anual do Observatorio serviu tamén para dar a coñecer a nova versión do portal web deste órgano, ferramenta chamada a converterse no espazo de referencia da demografía de Galicia. 

A web conta cun espazo de actualidade dinámico con noticias de interese sobre as temáticas do Observatorio que se recollerá nun boletín mensual ao que é posible subscribirse. Este espazo pretende ir máis alá da realidade demográfica galega e busca incorporar unha perspectiva máis ampla e global, e abordar a situación demográfica en España e no resto do mundo. 

 

Fonte externa
Novas relacionadas